A Libraría Couceiro acollerá o vindeiro luns, 16 de decembro, a presentación do novo álbum do ilustrador e humorista gráfico Xosé Tomás. Trátase da obra Sete días con Leo / 7 días con Lía, na que o autor plasma mediante dúas historias paralelas as diferencias que existen entre as vidas das persoas que viven nun país en paz ou nun país en guerra, nunha casa ou nun campo de refuxiados. Durante o acto, que dará comezo ás 19.30 horas, estará acompañado por Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega, así como por Miguel Toval, de Edicións Embora.
Xosé Tomás conta cunha extensa e premiada traxectoria como ilustrador, especialmente nos eidos da literatura infantil e xuvenil. Vencellado tamén ao mundo do ensino -é profesor de lingua inglesa-, colabora estreitamente coa Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega, sendo o responsable da súa sección de humor.