O vindeiro 5 de abril terá lugar unha xornada na honra das madriñas republicanas organizada pola comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e o Concello de Rianxo coa colaboración de Nova Escola Galega.
O programa dará comezo ás 11.00 horas coa inauguración do monumento no campo de concentración de Rianxo. Intervirán Carlos Cimadevila, presidente da CRMHB, Dolores Rodríguez Sende, madriña, Ricardo Dávila, escultor, Soledad Agra, Deputada de dereitos civís da Deputación da Coruña e Julián Bustelo, Alcalde de Rianxo.
Xa ás 12.00, no Auditorio de Rianxo, desenvolverase un relatorio da man de Aurora Marco, Das guerrilleiras ás exiliadas, Montse Fajardo, Mulleres solidarias e María Fernández, A transición e feminino. Modera Pilar Cascón.
Unha hora máis tarde dará comezo unha mesa redonda sobre A investigación da memoria histórica con perspectiva de xénero. Intervirán Aurora Marco, Montse Fajardo e María Fernández, con moderación a cargo de Encarna Pego.
A xornada completarase coas actuacións musicais de Bernal Muíños e Grupo Barahunda, así como cun xantar ás 14.30. As persoas interesadas en asistir ao mesmo deben reservar a súa praza antes do día 2 de abril a través do enderezo de correo electrónico crmhbarbanza@gmail.com ou do teléfono 676919660.