A Plataforma Queremos Galego dará a coñecer este sábado en Compostela o resultado de meses de traballo para a creación dun protocolo destinado a impulsar accións no eido da normalización da nosa lingua. Un proceso este no que participaron un total de 57 colectivos galegos -entre eles Nova Escola Galega-. Máis de cen persoas colaboraron por medio de diversos grupos de traballo artellados arredor dos diferentes sectores da nosa sociedade, coma o do ensino.
Centos de entidades sociais veñen apoiando o proceso Lingua Vital Xa! do que este sábado 14 de marzo se presentarán os resultados. Será ás 12.00 horas na praza da Quintana de Santiago de Compostela, onde se dará a coñecer un protocolo de actuación para o conxunto de organizacións e do tecido asociativo galego. Nace asemade esta folla de ruta coa finalidade de que os poderes públicos modifiquen todo o preciso para garantir a nosa lingua en todo e para todo.
Desde Nova Escola Galega apoiamos esta iniciativa, ao tempo que convidamos a todas as nosas persoas e entidades asociadas a que nos acompañen nun día tan significativo para a normalización da nosa lingua.
Máis información, na web de Queremos Galego.