Quen somos

Co nome de Nova Escola Galega nacía o 11 de Xuño de 1983, en Santiago de Compostela, un movemento asociativo de base, coa finalidade xeral de impulsar o traballo de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galiza.

Grazas á agrupación e cooperación de ensinantes de calquera nivel educativo e das persoas socias e colaboradoras -vencelladas ou non ao eido do ensino-, Nova Escola Galega constitúe un espazo de reflexión, formación e reivindicación centrado na construción dun sistema educativo galego, público, democrático e feminista.

Así, desde hai máis de 40 anos, somos un espazo independente e de encontro para todas aquelas persoas que se recoñecen no traballo socioeducativo progresista, innovador e transformador.

Nova Escola Galega é unha asociación declarada de Utilidade Pública (Orde INT/2335/2008, BOE 5/08/08).

Os obxectivos de Nova Escola Galega

1

As prácticas educativas

A procura e a elaboración de prácticas educativas que tomen en conta todos os aspectos físicos, afectivos, sociais e intelectuais da personalidade das persoas en formación.

2

A pedagoxía alternativa

A definición e loita por unhas condicións necesarias para unha pedagoxía alternativa orientada desde o Proxecto ou Modelo de Escola Pública que preconizamos.

3

O perfil profesional

A modificación dos perfís profesionais dos educadores, desde a óptica dunha nova profesionalidade afastada de visións tradicionalistas e autoritarias.

4

A compresión crítica

A batalla contra a cultura prefabricada, case sempre imposta aos alumnos e alumnas sen deixarlles a posibilidade de verificar e de comprender criticamente o conxunto de achegas culturais.

5

A normalización da lingua

A inculturación galeguizadora e a loita pola normalización lingüística en Galiza.

6

O currículo e a formación

A busca dunha concepción curricular e formativa unitaria, interdisciplinar e integradora.

7

A xestión democrática

A procura dunha xestión democrática das institucións educativas, que sexa unha efectiva xestión social anti-autoritaria, anti-burocrática e anti-corporativa.

8

A laicidade

A afirmación da laicidade da educación pública ou sostida con fondos públicos, da coeducación, da promoción da igualdade e da integración das diferenzas; é dicir, unha educación democrática e democratizadora, como parte dunha sociedade democrática e socialmente avanzada.

9

A Igualdade

A loita pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, desde o ensino en particular e cara a todos os eidos da sociedade.

Iniciar sesión