A presidenta de Nova Escola Galega, María Dolores Candedo, e a Concelleira de Educación, Míriam Louzao, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha nova edición do certame que ten por obxecto recoñecer e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
Un ano máis, Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela convocan os Premios Educacompostela. O prazo para a presentación de traballos (que poden ter sido elaborados entre os anos 2020 e 2025 segundo se recolle nas bases) rematará o vindeiro 19 de setembro. Establécense tres galardóns en metálico estando dotado o primeiro deles con 1.200 euros, o segundo con 900 e o terceiro con 600 euros.
Os traballos deberán atender á concepción de material didáctico, entendido como aqueles recursos didácticos impresos, dixitais e híbridos elaborados intencionalmente para os ámbitos educativos escolar ou social, co propósito fundamental de contribuíren a facilitar os procesos formativos e a adquisición de valores. Adoitan presentarse baixo variadas formas e sistemas simbólicos e están ao servizo dun programa ou proxecto educativo, ou empregados cunha finalidade educativa.
Os proxectos premiados serán aloxados nun banner específico na páxina web do concello de Santiago de Compostela para que estean a disposición das persoas interesadas. As bases completas dos XVI Premios Educacompostela poden consultarse aquí: