O Pazo de Raxoi acolle a entrega dos XVI Premios Educacompostela

Na tarde de onte desenvolveuse o acto de entrega desta XVI edición dos Premios Educacompostela. Uns galardóns, concedidos por Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela, que teñen como finalidade recoñecer e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, e a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo, foron as encargadas de entregar os galardóns. Nesta nova edición do certame foron 19 os traballos presentados. Neste senso, Mariló Candedo destacou durante o acto que os materiais educativos premiados e as experiencias de descuberta e aprendizaxe  que propician,  “son a expresión  da calidade educativa que as institucións deberan alentar.  Teñen a súa orixe na  idea de comunidade socieducativa, e no compromiso coa tarefa profesional de ensinar, sendo expresión dun interesante exercicio de pedagoxía social, na procura daqueles recursos motivadores e inclusivos que permitan a persoas  de calquera idade, coñecer críticamente a realidade para poder implicarse na  súa transformación positiva.”   

O primeiro premio (dotado con 1.200 euros), foi para o proxecto O patrimonio de Sabugueira, presentado polo CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago de Compostela. Un proxecto multidisciplinar e interxeracional, que parte da biblioteca do centro educativo vencellando a toda a comunidade educativa e implicando ademais a veciñanza, centrándose na investigación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial.

O segundo dos galardóns, cunha dotación económica de 900 euros, foi para O voo 2316 química forense na aula, presentado por María González Iglesias, do IES Politécnico de Vigo. Un proxecto centrado nos procesos de investigación a través da actividade lúdica e participativa do alumnado, no contexto das ciencias experimentais conseguindo levar contidos teóricos a procesos prácticos, coa atención á diversidade a través do emprego do deseño universal da aprendizaxe (DUA).

A Asemblea de Cooperación pola Paz de Santiago de Compostela recibiu o terceiro dos premios, valorado en 600 euros, grazas ao traballo A Viaxe, cando escapar non é un xogo.  Destacou o xurado a súa temática, a calidade, a diversidade  dos materiais, o coidado no deseño dos materiais e a posibilidade de aplicalo nas diferentes etapas do ensino e o feito de que sexa elaborado por unha entidade allea ao centro educativo, pensando para un contexto educativo.

Acordouse, asemade, a concesión dunha mención especial ao traballo titulado Mentes inquietas, presentado por María Isabel González Piñeiro, do IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña).

En relación ás propostas premiadas, a Presidenta de Nova Escola Galega incidía en que estas “evidencian que non estamos diante de  materiais didácticos  ideados de maneira puntual, senón  que representan propostas pedagóxicas asentadas en valores sociais e educativos que pretenden  educar no autoaprezo do que sentimos como noso, e proxectar na sociedade reflexións, hábitos e actitudes que nos permitan mellorar aspectos substantivos da convivencia. Materiais que convidan  a mover e superar os marcos tradicionais, sexan  curriculares, organizativos, ou de calquera caste,  para promover sinerxías e  tecer redes  coas comunidades educativas no máis amplo sentido.”

Os Premios Educacompostela son froito dunha iniciativa conxunta do Concello de Santiago de Compostela e Nova Escola Galega, que nace no ano 2003. Desenvolvéronse de xeito continuado ate o ano 2010, no que chegaban á súa oitava edición. Logo dun “apagón”, recupérase felizmente, no ano 2016. Esta iniciativa mantén o seu  propósito inicial de recoñecer e premiar o bon facer pedagóxico e o compromiso coa nosa lingua, que se desenvolve nos  centros escolares e noutros escenarios educativos, centrado no deseño e desenvolvemento de distintos materiais e recursos didácticos.  

Iniciar sesión