O 6 de maio, saímos á rúa en defensa do ensino público

Máis de vinte colectivos educativos convocamos 25 mobilizacións en toda Galicia para esixir solucións urxentes e reais. Mañá 6 de maio ás 19:00 horas (excepto na Coruña 18h, no Grove 19:30 e en Ferrol 18:30) a comunidade educativa volve saír á rúa. Federacións de ANPAs, sindicatos de profesorado e estudantado , as Asembleas Abertas do Ensino Público e outros colectivos como AGOEP e Nova Escola Galega, convocan 25 mobilizacións simultáneas a longo de todo o territorio galego.

Esta convocatoria é unha mostra clara da unidade construída ao longo deste curso entre familias, profesorado e outros sectores implicados na educación, que xorde da preocupación compartida pola situación que viven os centros educativos galegos. Despois das mobilizacións do 25 e o 28 de febreiro, esta convocatoria vai un paso máis alá. As reivindicacións son claras e responden á realidade diaria das aulas, como deficiencias graves nas instalacións de moitos centros, falta de persoal e recursos, recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión real do alumnado, ou unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias. Afirman que o actual curso está sendo especialmente duro. A acumulación de problemas estruturais, xunto coa falta de respostas eficaces por parte da Administración, está a xerar unha situación insostible nos centros. Non se trata de demandas puntuais nin illadas: estamos ante unha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas por parte da Consellería.

A situación é insostible para a comunidade educativa. É necesario traballar da man e xuntas cara accións unitarias e masivas. Non aceptamos que se normalicen as carencias nin que se invisibilicen as dificultades que afectan ao día a día do ensino público. A educación é un dereito fundamental e un piar básico da nosa sociedade. 

Por iso, facemos un chamamento á participación activa de toda a sociedade civil. Non está en xogo a situación dun centro concreto, senón o modelo educativo que queremos para Galicia. O 6 de maio, ás 19:00, saímos á rúa por un ensino público forte, inclusivo e con recursos suficientes. Toda a comunidade educativa unida nun obxectivo común, participando man a man, porque só coa mobilización colectiva lograremos os cambios que o noso alumnado merece.

Desde Nova Escola Galega convidámosvos a unirvos a calquera destas mobilizacións, para que mañá toda Galicia berre alto e forte en defensa do ensino público.

Puntos de saída das mobilizacións:

A CORUÑA

  • A Coruña: ás 18:00 no parque de Catro Camiños detrás do Remanso
  • Carballo: ás 19:00 desde a praza de Galicia
  • Cee: ás 19:00 na praza 8 de marzo
  • Compostela: ás 19:00 desde a praza Roxa
  • Ferrol: ás 18:30 desde a praza Amada García (diante do edificio da Xunta)
  • Muros: ás 19:00 na Praza da Vila
  • Porto do Son: ás 19:00 no Secadoiro de Congrios

LUGO

  • Lugo: ás 19:00 desde a praza Horta do Seminario
  • Monforte: ás 19:00 desde praza de España (pendente de confirmación)
  • Ribadeo: ás 19:00 desde o parque Rafael Fernández Cardoso (EOI)
  • Viveiro: ás 19:00 desde a praza Maior de Viveiro

OURENSE

  • O Carballiño: ás 19:00 na praza do Concello
  • Ourense: ás 19:00 desde a rúa do Concello (diante da Delegación Territorial)
  • Verín: ás 19:00 desde o concello de Verín

PONTEVEDRA

  • A Estrada: ás 19:00 na praza do Mercado
  • Mos: ás 19:00 desde a explanada de Queen. Final conxunto con Porriño.
  • ⁠O Porriño: ás 19:00 desde a praza do Concello. Final conxunto con Mos.
  • O Morrazo: ás 19:00 desde a praza do Concello de Cangas
  • O Salnés (O Grove): ás 19:30 desde o plazo do Corgo (O Grove)
  • Ponteareas: ás 19:00 saída do IES Val do Tea
  • Pontevedra: ás 19:00, na Peregrina
  • Redondela: ás 19:00 na praza do Concello de Redondela
  • Val Miñor: ás 19:00 na capela de San Campio (Ramallosa)
  • Vigo: ás 19:00, Vía Norte con Urzaiz (Vialia)
  • Vila de Cruces: ás 19:00, saída do IES Marco do Camballón.

Iniciar sesión