NEG coa convocatoria nacional pola lingua de Queremos Galego

Nova Escola Galega participará este domingo na mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego, baixo o lema Mudemos de rumbo, o galego ten futuro. Será na praza da Quintana de Santiago de Compostela.

Hai menos dun ano e diante dos datos demolingüísticos proporcionados daquela polo IGE sobre o censo de 2021, que xa situaban por vez primeira o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia, publicamos un NEG Opina específico titulado: Lingua e escola, ética e afouteza. No texto ofreciamos unha diagnose sobre a situación, reclamabamos un cambio de rumbo nas políticas públicas sobre a lingua, así como a adopción de medidas de distinto alcance, e ofreciamos algunhas suxestións para reforzarmos o esforzo normalizador no ámbito do ensino.

Os datos coñecidos neste outono, achegados polo INE, deron un titular que acendeu as alarmas e propiciou distintas tomas de posición fronte a un segredo a voces que non pode sorprendernos: o castelán é xa o idioma predominante no país. Desde a Xunta discútese a veracidade dos datos, colgándolle inicialmente o peso da proba ao aumento da poboación inmigrante e posteriormente abrindo un proceso encamiñado á consecución dun Pacto pola lingua. Diferentes institucións, organizacións políticas, sindicais e cívicas reclaman con urxencia cambios normativos, poñendo o foco -entre outras regulacións– no Decreto do Plurilingüismo, nun enfoque estratéxico transversal que reclama a volta ao consenso acadado noutrora.

Neste contexto, a Plataforma Cidadá Queremos Galego lanza unha Declaración Unitaria pola Lingua, e o Manifesto mudemos de rumbo. O galego ten futuro e convoca unha mobilización para o vindeiro domingo, 17 de novembro, na Praza da Quintana ás 12 h.

Nova Escola Galega, convídavos a asinar canda nós o texto e a participar activamente nesta convocatoria nacional pola lingua.

Iniciar sesión