Grupo de traballo de Educación no Rural
Grupos de traballo > Grupo de traballo de Educación no Rural
Presentación do grupo de traballo
Nova Escola Galega evidenciou desde o seu nacemento en 1983 unha mirada activa, crítica e propositiva respecto da educación no medio rural galego, e recolleu a tradición freinetiana de posta en valor do ensino rural, que en Galiza encanalaran desde a década dos 70 o colectivo “Mestras da montaña lucense” e ACIES/MCEPG (Asociación para a Correspondencia e a Imprenta Escolar, que desde 1978 pasou a denominarse Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega, e logo integrouse en NEG).
Como grupo de traballo, o noso veu tendo durante todo este tempo unha actividade intermitente, aínda que NEG sempre representou un facho aceso na defensa do ensino rural galego, na demanda dunha política educativa particularizada e racional para o medio rural, e na posta en valor das bondades da educación en territorios rurais.
Diferentes xeiras de encontros e congresos sobre educación e ruralidade realizados por todo o país, a presenza da educación no rural nunha sección específica da Revista Galega de Educación, a defensa activa de unidades e servizos escolares no medio rural que non deberían ser desmantelados pola administración educativa, o apoio á reivindicación das comunidades educativas da montaña galega, o impulso no pasado da Mesa Galega de Educación no Rural, a difusión de plans comarcais e propostas específicas para a mellora das condicións da escola rural etc., dan conta da actividade acumulada por este grupo de traballo ao longo das últimas catro décadas.
A raíz do X Encontro de Debate sobre o Medio Rural Galego realizado en Sedes (Narón) en 2017, o grupo deixou de ter unha actividade particularizada, xa que pasou a fusionar os seus anceios cos doutras persoas, colectivos de dinamización comunitaria e cooperativismo rural e entidades asociativas diversas de toda Galiza, na intención de crear e impulsar a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural (ou Rede do Rural).
Desde entón, os membros do grupo de traballo de Educación no Rural de NEG contribúen activamente, xunto coas/cos demais adherentes da Rede do Rural, á implementación na práctica das liñas de traballo deste novo espazo participativo.
Membros do grupo de traballo
Alicia López, Pedro Rodríguez, Yoya Testa, Rubén Iglesias, Neves Arza, Paco Veiga, Miguel R. Carnota, Suso Rodríguez, Fran Candia, Álex González, Camino Pereiro, Elena Pérez, Noelia Pillado...
Que é a Rede do Rural?
Trátase dunha comunidade diversa de persoas, colectivos, organizacións e entidades vencelladas polo fío transversal da defensa dun medio rural desenvolvido desde a sostibilidade ecosistémica como garante da sostibilidade socioeconómica.
Xorde como reacción ante a situación actual que experimenta o rural galego, coas súas virtudes, oportunidades e problemáticas.
Ten vocación de funcionamento asembleario, dentro dunha conformación de pluralidade e coincidindo na inquedanza común de preservar e desenvolver o rural galego.
Recollemos e construímos a partir do traballo educativo e dinamizador desenvolvido dende hai máis de corenta anos por colectivos docentes, así como por multitude de proxectos sociocomunitarios senlleiros e referenciais espallados polo territorio rural galego.
Liñas de traballo da Rede do Rural
- Construír, consolidar e espallar a propia Rede para o desenvolvemento rural de Galiza.
- Instar a elaboración dunha nova Estratexia Integral de Desenvolvemento Rural por parte da Xunta de Galiza.
- Promover a elaboración e implementación dun Plan de Educación Específico para o Rural.
- Ofrecer unha canle multidisciplinar, en-liña, co fin de fomentar, dar visibilidade e cohesionar as múltiples iniciativas educativas ou produtivas, así como as experiencias revitalizadoras, que frutifican no país rural galego dun xeito case inadvertido.
Contacto da Rede do Rural
Correo-e: regaeder@gmail.com
Páxina web: https://www.rededorural.org/quen-somos.html
Últimas novas do Grupo de traballo
Non se atoparon novas relacionadas...
Últimas actividades do Grupo de Traballo
Non se atoparon actividades relacionadas...