Foron un total de 24 os traballos presentados aos XVII Premios Educacompostela, convocados por Nova Escola Galega en Colaboración co Concello de Santiago de Compostela. Uns galardóns que teñen por obxectivo recoñecer e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
O primeiro premio foi para o traballo Vitamina G presentado por Mariña Lema Blanco, de Cabana de Bergantiños (A Coruña). Trátase dun proxecto de dinamización da lingua que xurdiu nun contexto urbano co fin de estender a lingua galega entre o alumnado, familias e comunidade escolar a través de recursos audiovisuais nos que o alumnado é o propio protagonista. A necesidade deste proxecto nace da nula presenza do galego nas aulas e da consolidación do castelán como primeira lingua. A partir de todo isto, formuláronse os obxectivos co fin de crear unha proposta de promoción real da lingua galega entre iguais e que ilusionase tanto ao alumnado como ao profesorado e ás propias familias.
O segundo dos galardóns recaeu na proposta Migrantes: cartas, relatos e entrevistas, presentado por María Isabel González Piñeiro do IESP Rafael Dieste (A Coruña). Este é un material didáctico elaborado no contexto dun proxecto educativo sobre as migracións para 30 da ESO, na materia de Xeografía e Historia. Está concibido para facilitar a comprensión deste fenómeno dende unha perspectiva histórica, social e humana, prestando especial atención á realidade galega. Esta proposta culmina nunha exposición dos materiais (cartas, entrevistas, audios,…) na biblioteca do centro.
Por último, o terceiro premio foi para o traballo titulado, Feminismos no tempo, presentado por Noelia Darriba García, Raquel Veiga Teijeiro e Tania Merelas Iglesias, de Ás do Social, S.Coop. Galega e Avezar.
Este proxecto nace da convicción de que a historia está contada a medias e de que non é posible construír unha sociedade igualitaria se non recuperamos as voces, os logros e as loitas das mulleres. Ademais está motivado por unha necesidade clara: a ausencia de materiais pedagóxicos que combinen tres dimensións fundamentais nun só recurso: a perspectiva feminista, o uso da lingua galega e o dinamismo motivador.
Como novidade, nesta edición dos Premios Educacompostela, incrementouse a dotación económica total do certame, que pasou dos 2.700 euros de anos anteriores aos 3.600 de 2026. Así, o primeiro premio consiste nun importe de 1.500 euros, o segundo de 1.200 euros, e o terceiro de 900 euros.
O xurado que encargado de valorar os os traballos presentados estivo conformado por:
- Míriam Louzao Fernandez. Concelleira Delegada de Educación. Presidenta
- Neves Arza Arza. Representante de Nova Escola Galega.
- Ana Rodríguez Guimeráns. Representante de Nova Escola Galega.
- Sergio García Liñares. Representante Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
- Ana Mª Guerra Cañizo. Representante da Asociación Galega de Editoras.
- Mª del Mar Sanjuán Roca. Representante do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC
- Susana Papín Fernández. Técnica do Departamento de Educación.
- Beatriz Varela Morales. Técnica do Departamento de Educación (en calidade de Secretaria).