O xurado dos XVI Premios Educacompostela, reunido o pasado día 1 de outubro, determinou que o primeiro premio recaese no traballo O patrimonio de Sabugueira, presentado polo CEIP Mestre Rodríguez Xixirei. O segundo premio foi para O voo 2316 química forense na aula, de María González Iglesias, e o terceiro para A viaxe, cando escapar non é un xogo, da Asemblea de Cooperación pola Paz. Presentáronse a esta nova edición do certame un total de 19 proxectos.
Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela, organizadores dos Premios Educacompostela, veñen de dar a coñecer os traballos gañadores desta nova edición do certame, que ten como obxectivo recoñecer e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxico.
O xurado, reunido o pasado 1 de outuubro, concedeulle o primeiro premio (dotado con 1.200 euros), ao proxecto O patrimonio de Sabugueira, presentado polo CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago de Compostela. Destacaron desta proposta que se trate dun proxecto multidisciplinar e interxeracional, que parte da biblioteca do centro educativo vencellando a toda a comunidade educativa e implicando ademais a veciñanza, centrándose na investigación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial.
O segundo dos galardóns, cunha dotación económica de 900 euros, foi para O voo 2316 química forense na aula, presentado por María González Iglesias, do IES Politécnico de Vigo. Valourouse positivamente a metodoloxía activa do proxecto, centrada en procesos de investigación a través da actividade lúdica e participativa do alumnado, no contexto das ciencias experimentais conseguindo levar contidos teóricos a procesos prácticos, coa atención á diversidade a través do emprego do deseño universal da aprendizaxe (DUA).
A Asemblea de Cooperación pola Paz de Santiago de Compostela fíxose co terceiro dos premios, valorado en 600 euros, grazas ao traballo A Viaxe, cando escapar non é un xogo. Destacou o xurado a súa temática, a calidade, a diversidade dos materiais, o coidado no deseño dos materiais e a posibilidade de aplicalo nas diferentes etapas do ensino e o feito de que sexa elaborado por unha entidade allea ao centro educativo, pensando para un contexto educativo.
Acordouse, asemade, a concesión dunha mención especial ao traballo titulado Mentes inquietas, presentado por María Isabel González Piñeiro, do IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña).