Estatutos
Desde a súa constitución inicial, no ano 1993, foron varias as modificacións efectuadas sobre os estatutos orixinais de Nova Escola Galega, ben por causas meramente burocráticas, ou pola necesidade de camiñar da man dos avances da sociedade.
Podes ler aquí o limiar dos Estatutos de Nova Escola Galega:
A actual política educativa e organización escolar en Galiza non responde cabalmente ás necesidades educacionais da sociedade galega, ao descoñecer en grande medida a súa lingua, a súa cultura e a súa complexa realidade e ao non estar tampouco en sintonía co intenso movemento de renovación pedagóxica presente nas sociedades máis avanzadas.
Estas carencias provocaron hai xa varios anos unha dinámica de cooperación por parte de varios núcleos de ensinantes galegos, chegando mesmo algún deles a dárense unha denominación. Así foron, entre outros, os casos de ALBE, AVANTAR, ESCOLA ABERTA, ESCOLA DRAMÁTICA GALEGA, LUBRICÁN, MOVEMENTO COOPERATIVO DE ESCOLA POPULAR GALEGA, PREESCOLAR NA CASA, SOCIEDADE GALEGA DE XEOGRAFÍA e XILBARBEIRA. As intencionalidades pretendidas eran semellantes ás que aquí se enuncian.
Faise sentir a conveniencia de coordinar máis profundamente as distintas actividades e impulsar outras novas que abrangan a un maior número de ensinantes e outros profesionais, sendo por iso polo que se constitúe a presente Asociación NOVA ESCOLA GALEGA.