Entregados os XV Premios Educacompostela

O Pazo de Raxoi acolleu na tarde de onte a entrega dos XV Premios Educacompostela, organizados por Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela. Nuria Regina Fortes Pintos, do CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense fíxose co primeiro posto do certame. O segundo galardón foi para a proposta presentada pola Asociación de Veciñas e Veciños de Santa Comba de Órrea (Riotorto – A Terra de Miranda), xunto con Paz López Teijo.

Entre as autoridades que asistiron ao acto, que contou cun numeroso público, cómpre destacar a presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, así como da concelleira de Educación, Miriam Louzao. Por parte de Nova Escola Galega participaban a presidenta da entidade, Mariló Candedo, acompañada polo vicepresidente, Xosé Lastra. O acto de entrega de premios contou asemade cun acompañamento musical de excepción, da man de Faia Díaz e Benxamín Otero.

Destacou no seu discurso, Mariló Candedo, o valor destes galardóns, que “teñen o propósito de recoñecer e premiar o bo facer pedagóxico que se desenvolve nos nosos centros escolares e noutros escenarios educativos, centrado no deseño e desenvolvemento de distintos recursos e materiais didácticos”. Creados no ano 2003, os Premios Educacompostela desenvolvéronse de xeito continuado ata a súa edición, en 2010. En palabras de Mariló Candedo, “tras un período de apagón, recupéranse felizmente no ano 2016”.

Nesta XV edición, o primeiro premio, valorado economicamente en 1.200 euros, recaeu na proposta presentada por Nuria Regina Fortes Pintos, do CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense. Trátase do traballo “Previr riscos”, composto por diferentes recursos – en forma de álbum de cromos, xogo de cartas de mesa, vídeo xogos e Escape Room- que permite a gamificación dos contidos relacionados coa prevención dos riscos laborais no ámbito da Formación Profesional.

O segundo galardón, valorado en 900 euros, foi para o proxecto presentado pola Asociación de Veciñas e Veciños de Santa Comba de Órrea (Riotorto – A Terra de Miranda), xunto con Paz López Teijo, conformado por dúas unidades didácticas denominadas “Os segadores mirandeses en Castela” e “Os ferreiros mirandeses”. Estes materiais didácticos, elaborados en clave comunitaria, afondan na recuperación da memoria e da tradición. A primeira fai referencia á realidade da migración forzosa na época da posguerra ata mediados dos anos 60, a súa importancia e consecuencias. Este material está pensado para o alumnado do terceiro ciclo de Educación Primaria. A segunda unidade didáctica quere poñer en valor os oficios tradicionais, neste caso, dos ferreiros, aborda a problemática da súa desaparición e a súa proxección de futuro. Os seus destinatarios son o alumnado de Educación Secundaria.

O xurado declarou o terceiro premio deserto. Estivo conformado nesta ocasión pola concelleira de Educación, Míriam Louzao; Pilar Sampedro Martínez e Estefanía Pena Bascoy, da Nova Escola Galega; Juan Carlos Rodríguez Pérez, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Ana Mª Guerra Cañizo, da Asociación Galega de Editoras; Carmen Morán de Castro, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Beatriz Varela e Cristina Salgado, técnicas do Departamento de Educación.

Iniciar sesión