Convocada a II Edición do Certame de Memoria Histórica do Barbanza

Nova Escola Galega e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMHB) convocan unha segunda edición do Certame de Memoria Histórica do Barbanza. Un certame que pretende recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente materiais educativos relacionados coa memoria histórica que, polo seu valor e interese, contribúan ao enriquecemento do ensino e ao desenvolvemento educativo de Galicia.

Nesta segunda edición da iniciativa, os materiais deberán ser elaborados por alumnado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional. Estes traballos deberán gardar relación con algún aspecto relacionado coa Memoria Democrática que resulte pertinente para o desenvolvemento do currículo educativo, sendo este o eixo central das propostas. Terán ademais que ser orixinais, inéditos e estar escritos en lingua galega.

Establécense diversos formatos, entre eles o ensaio, a narrativa, investigación histórica, audiovisual ou outro tipo de propostas, como poderían selo os xogos de preguntas. De entre todos eles, o xurado seleccionará os tres mellores traballos, que obterán 300 euros no caso do primeiro premio, 150 no caso do segundo, e 50 euros para un áccesit. Do mesmo xeito, poderá declarar deserto calquera dos premios no caso de consideralo oportuno.

O prazo de presentación de propostas comeza hoxe, 20 de xullo. Podes consultar aquí as bases completas do certame:

Iniciar sesión