Nova Escola Galega e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza convocan o I Certame de Memoria Histórica do Barbanza co obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente materiais sobre a memoria histórica que, polo seu valor e interese, contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia. O certame busca favorecer a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica, ao tempo que
promove os valores democráticos e a dignidade inviolable da persoa.
A convocatoria premiará os mellores materiais didácticos presentados dirixidos aos diferentes niveis de ensino. Poderán tratar calquera tema relacionado coa Memoria Histórica e a Memoria Democrática, que cumpra abordar no desenvolvemento do currículo educativo. Poderán presentarse traballos orientados a educación infantil, primaria ou secundaria (ESO, Bacharelato, FP).
Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e estar redactados en lingua galega. Non se admitirán materiais xerados, creados ou adaptados mediante tecnoloxía de intelixencia artificial, nin aqueles que xa foran premiados previamente noutros certames. Cada material ou conxunto de materiais deberá incluír un texto explicativo, redactado en galego, cunha extensión máxima de 15 páxinas (por unha cara). Este texto deberá detallar as características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, proceso de elaboración, aplicación, avaliación e resultados obtidos.
O Certame contará con tres categorías diferenciadas, sendo estas Ensaio, Narración e Audiovisual. En cada unha das modalidades establécense un primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo premio de 150 euros e un áccesit de 50 euros.
O prazo de presentación comeza coa publicación destas bases na web de NEG e no blog da CRMHB e remata o 30 de maio de 2025. As persoas interesadas poden enviar as súas propostas ao enderezo de correo electrónico certamememoriahistorica@gmail.com
As bases completas do certame poden descargarse a través desta ligazón.