Nova Escola Galega conta cun novo espazo na rede desde o que dar a coñecer a información máis recente sobre as actividades da asociación. Esta web incorpora asemade un amplo almacén de documentos cun buscador que permite realizar procuras por palabras chave, ano ou tipo de publicación.
Problemas técnicos relacionados co aloxamento da páxina fixeron que en agosto de 2023 o espazo na rede de Nova Escola Galega deixase de funcionar. Estes contratempos, alleos a NEG, foron insalvables. Así, finalmente abordouse a construción dunha nova web desde a que dar a coñecer toda a actualidade da asociación desde unha perspectiva e deseño acordes ás necesidades actuais.
Hoxe compartimos con satisfacción o resultado deste traballo. Unha nova fiestra cara ao futuro de NEG, sen deixar atrás os máis de 40 anos de traxectoria da entidade. Centos de valiosos documentos relacionados coa historia do ensino en Galicia poden ser consultados desde o apartado correspondente da páxina.
Non deixes de visitar este novo espazo desde o que coñecer polo miúdo a historia e organización de NEG, así como a toda a información relacionada coa actualidade da nosa asociación.