XIV Seminario sobre a Memoria
Os días 6 e 7 de xuño de 2025 desenvolverase nos concellos de Rianxo e Santiago de Compostela unha nova edición do Seminario sobre a Memoria, que este ano leva por título Os desastres da guerra.
Venres 6 de xuño
O programa dará comezo o venres 6 ás 16.30 horas, coa recepción e entrega de documentación e posterior inauguración das actividades, que terá lugar no IES Félix Muriel de Rianxo. De seguido, ás 17.30 horas, desenvolverase a conferencia Transición en feminino: a introdución da perspectiva de xénero no estudo das organizacións políticas e sindicais en Galiza (1964-1990), a cargo de María Fernández Blanco, investigadora da USC.
Unha hora máis tarde as actividades seguirán arredor da exposición Mulleres represaliadas no cárcere de Tui, da man de Helena Pousa. Despois dun breve descanso, a partir das 19.30 pechará esta primeira xornada do Seminario o monólogo do dramaturgo Carlos Labraña Barreiro: Mambrú volveu da guerra.
Sábado 7 de xuño
Xa o sábado a partir das 10.00 a xornada dará comezo, novamente no IES Félix Muriel de Rianxo, coa conferencia-coloquio A illa de San Simón, a cargo do historiador José Álvarez Castro. Logo dun pequeno descanso, o programa continuará ás 11.30 cun roteiro polo Rianxo emocional de Castelao, que será guiado polo historiador Xesús Santos Suárez.
Tralo xantar, ás 16.00, o historiador Víctor Santidrián Arias ofrecerá a conferencia-coloquio O documental na aula, unidade didáctica. Será ao remate desta actividade cando a programación prevista se traslade a Santiago de Compostela. Alí dará comezo a partir das 18.30 un Roteiro polo campo de concentración de Lavacolla, no que as persoas asistentes poderán coñecer a historia das instalacións da man de Ana Tarrío Tobar, profesora da UDC, Rosalía Macías Tarrío, xornalista, e Antonia Pérez, Presidenta da asociación Agrupación Cultural O Galo.
Inscrición
Establécense un total de 50 prazas para o Seminario, que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse desde o formulario que atoparán nesta ligazón. A participación nas actividades é gratuíta e previsiblemente será homologable (homologación en trámite) por 12 horas de formación.
Descarga aquí o programa completo en formato pdf: Cartaz e programa completo
Documentación relacionada para a descarga
- O documental na aula, unidade didáctica
- A pegada dos avós
- Dennis Gansel, La ola, 2007
- Cuestionario sobre Arde Mississippi
- De cristais e muros, unidade didáctica
- Günter Grass, Mi siglo
- Frank Pavloff, Mañana parda. Breve fábula antifascista, 2003
- Zaki Eila, Todos son mis hijos, 2003
- Experiencias docentes de incorporación da Memoria Democrática no currículo escolar
- Presentación ppt, Víctor Manuel Santidrián Arias
- San Simón, a memoria do terror