Obradoiro familiar: Preparámonos para a eclipse
O vindeiro día 22 de xullo desenvolveremos unha nova actividade centrada na eclipse solar do 12 de agosto. Desta volta, a sesión vai destinada ao público familiar, co gallo de achegarlles ás pequenas e pequenos da casa información sobre este fenómeno astronómico mediante unha actividade práctica e sinxela.
Durante a sesión, da man de Denébola Álvarez-Seoane, da Agrupación Astronómica Ío da Coruña, construiremos unha caixa estenopeica como recurso para a observación indirecta do sol. Ademais, comprenderemos de maneira básica que é unha eclipse solar e por que se verá de xeito diferente segundo o lugar de observación.
Busca, esta actividade, promover hábitos seguros de observación solar entre crianzas e persoas adultas, así como fomentar a curiosidade científica, a conversa en familia e a preparación responsable da experiencia da eclipse.
Ademais, en caso de que o tempo o permita, realizaremos unha proba práctica no exterior coa caixa estenopeica construída durante o obradoiro, observando a proxección do sol e comentando como mellorar a estabilidade, a orientación e a nitidez da imaxe.
O obradoiro, de carácter totalmente gratuíto, celebrarase o día 22 de xullo a partir das 17.00 horas no Centro Xove da Almáciga, en Santiago de Compostela. Establécese un límite de 25 prazas para nenas e nenos maiores de 7 anos, que deberán contar co acompañamento dunha persoa adulta. Se estás interesada/o, podes realizar a túa inscrición a través desta ligazón, ou do QR que podes atopar no cartaz da actividade.