O XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos Jaume Martínez Bonafé afondará na perspectiva de xénero
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá os días 22 e 23 de outubro o XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos “Xénero e Materiais Didácticos”. Un encontro que reunirá especialistas e alumnado do ámbito da educación, da investigación e da creación de materiais para reflexionar sobre a presenza e tratamento da perspectiva de xénero no ensino.
Un espazo de encontro e reflexión
O seminario pretende crear un espazo de diálogo arredor do papel que xogan os materiais didácticos na construción dunha escola igualitaria, explorando retos e propostas innovadoras no eido da coeducación.
As sesións desenvolveranse na Aula 6-7 (Módulo A) da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida, USC).
A asistencia é gratuíta, mais require de inscrición previa a través desta ligazón: https://forms.office.com/e/1YNgTZvhJ4?origin=lprLink
O XVII Seminario está organizado polo grupo de traballo CAVILA de Nova Escola Galega (NEG), coa colaboración do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación (USC), así como de diversas institucións e grupos de investigación vinculados á análise crítica de materiais didácticos, á innovación pedagóxica e á igualdade de xénero no ensino. Coordinan as actividades Milena Villar Varela, Clara Martínez Delgado, Jesús Rodríguez Rodríguez e Silvia López Gómez.
Programa destacado
- Mércores 22 de outubro
- 16:00 h → Recepción
- 16:15 h → Acto de inauguración
- 16:45 h → Conferencia inaugural: “Coeducación en acción: materiais didácticos, métodos e retos para unha escola igualitaria”, a cargo de Clara Martínez Delgado e Milena Villar Varela.
- 18:00 h → Obradoiros simultáneos I
- Análise crítica de materiais didácticos desde a perspectiva de xénero.
- Publicidade, redes e cultura visual: o currículo oculto na aula.
- IA, contos e perspectiva de xénero.
- 19:15 h → Obradoiros simultáneos II
- Videoxogos e xénero.
- Materiais que educan en igualdade: xénero e emocións como eixes pedagóxicos.
- Reescribindo o mundo: edición crítica de materiais.
- Xoves 23 de outubro
- 16:00 h → Mesa redonda: “Xénero, currículo e materiais: experiencias desde a investigación e a práctica docente”, con José Wilson dos Santos, Rocío Anguita Martínez, Deise Cristina de Lima Picanço e Patricia Alonso Ruido. Modera: Eva Mª Barreira Cerqueiras.
- 17:45 h → Scape Room “Código violeta: o enigma dos materiais didácticos”.
- 19:30 h → Clausura e entrega de certificados.
Descarga nesta ligazón o programa completo do Seminario.