Faladoiro: Coeducación e diversidade sexual

O vindeiro 29 de setembro desenvolveremos o faladoiro Coeducación e diversidade sexual. Unha proposta que pretende darlle continuidade ás reflexións e debates iniciados hai dous anos, co propósito de revisar o significado do termo Coeducación a estas alturas do século XXI. Para esta ocasión propomos analizar como a institución educativa está acollendo á diversidade sexual.

Os avances sociais que se perciben no ámbito da protección e a visibilidade LGTBIQA+ contrastan coa existencia de episodios que amosan a existencia de reaccións de agresividade e negación fronte a vivencia e normalización da diversidade sexual e de xénero. O papel da escola é central para valorar o alcance destas controversias, máis tamén o son os condicionamentos sociais que poden posibilitar ou limitar os avances nun modelo de escola inclusiva.

Para o desenvolvemento desta actividade contaremos coa presenza de persoas expertas neste ámbito e tamén con representantes da mocidade, dos que queremos coñecer as súas reflexións.
Intervirán:
– Sonia Fernández Casal, profesora de Secundaria, especialista en cuestións de xénero.
– Xosé Cabido Pérez, profesor, especialista no estudo das masculinidades.
– Participarán como representantes da mocidade Isaac Expósito Domínguez, ex alumno do IES Antón Fraguas, e Zaida Rodríguez Pampín, estudante de 2º de Bacharelato do IES Antón Fraguas.

Modera: Ignacio Valverde, profesor e membro do Grupo Coeducando de Nova Escola Galega.

O faladoiro, de entrada libre ata completar a capacidade do local, será na nosa sede, emprazada na rúa Luís Freire nº5, baixo, no compostelán barrio de Conxo (localización en Google maps).

Aínda que inicialmente estaba previsto para o martes 29 de setembro a partir das 18.30, finalmente se desenvolverá a partir das 18.50.

Data

29/09/2026

Hora

18:50 h

Localización

Sede de Nova Escola Galega, Rúa Luís Freire, nº5, Santiago de Compostela

Organiza

Nova Escola Galega

Comparte

Iniciar sesión