A eclipse de sol, oportunidades educativas – Obradoiro de observación segura do sol
Este mércores 3 de xuño desenvolveremos a actividade A eclipse de sol, oportunidades educativas. Un obradoiro práctico da man de Denébola Álvarez Seoane, profesora da USC asociada de Nova Escola Galega e integrante da Asociación Astronómica Coruñesa Ío. Esta sesión combinará unha introdución divulgativa sobre a eclipse solar cunha reflexión didáctica sobre como convertela nun recurso educativo. Presentaranse ideas sinxelas para traballar antes, durante e despois da eclipse, facendo fincapé na observación segura, na experimentación con sombras e na construción de dispositivos de proxección indirecta.
Así, entre os contidos a desenvolver, figuran os seguintes:
- Que é unha eclipse solar: aliñamento Sol-Lúa-Terra, sombra, penumbra, totalidade e parcialidade.
- A eclipse do 12 de agosto de 2026 en Galicia: carácter excepcional do fenómeno, franxa de totalidade, zonas de eclipse parcial e importancia do horizonte oeste.
- Seguridade na observación solar: riscos da observación directa, uso de lentes homologadas ISO 12312-2, filtros específicos para instrumentos ópticos e observación indirecta mediante proxección.
- Recursos didácticos: cámaras estenopeicas, xogos de sombras, maquetas, observación de cambios de luz e temperatura, rexistro de percepcións e propostas para a aula ou para actividades de tempo libre.
A metodoloxía será activa e participativa. Alternaranse breves explicacións apoiadas en presentación visual, preguntas abertas, demostracións prácticas e traballo manual. A actividade non se concibe como unha conferencia especializada, senón como unha formación útil para persoas que queiran acompañar grupos e deseñar experiencias educativas arredor da eclipse.
Prestarase especial atención á linguaxe didáctica: como explicar unha eclipse a diferentes idades, como evitar mensaxes alarmistas sen minimizar os riscos, como introducir normas de seguridade claras e como aproveitar a interese social que xerará o fenómeno para estimular a curiosidade científica.
A actividade terá lugar nosa sede (Rúa de Luís Freire, nº5, baixo. Santiago de Compostela) a partir das 18.00 horas. É de caracter gratuíto e non precisa de inscrición previa. Colaboran no desenvolvemento da mesma a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Federación de ANPAS de Compostela.