A Consellaría de Educación da Xunta de Galicia acaba de emitir unhas instrucións para as actividades complementarias dos centros de ensino para o curso escolar 2026-2027 que profundan nunha liña de control sobre as actividades escolares xa iniciada con anterioridade e amplamente criticada.
Máis aínda, polo que puidemos comprobar nas nosas propias carnes, os burócratas asalariados que en moitos casos nunca pisaron un centro, aplican ese criterio á política educativa en xeral; se non, non se pode explicar que o fagan con actividades de formación do profesorado que nin sequera se desenvolven con alumnado nin nos centros de ensino.
Esta obsesión pola supervisión administrativa, que acaba sendo política, parece empapar o que a Consellaría entende que debe ser a súa ocupación, converténdose, esa si, nun auténtico control ideolóxico sobre o traballo dos centros e dos equipos docentes, entrando de cheo nas competencias educativas e na súa autonomía, e derivando competencias dos consellos escolares aos equipos directivos.
Efectivamente, non se pode confundir neutralidade con imparcialidade. Non se pode negar que aqueles que utilizan a suposta neutralidade teñen unha ideoloxía ben definida e con reticencias á pluralidade.
Nova Escola Galega ten unha longa traxectoria que nos permite analizar con perspectiva histórica este tipo de decisións. E chama a atención que o profesorado e a sociedade, por medio das súas
asociacións, sindicatos, organizacións etc. non se mobilice contra este tipo de decisións mesmo establecendo algún tipo de denuncia formal do que a todas luces é unha vulneración dos dereitos educativos a unha educación libre, crítica e formadora, que vai contra o compromiso do profesorado de promover a igualdade, a diversidade e o respecto polos dereitos humanos, así como a liberdade de pensamento e expresión.
Á Administración non lle interesan centros vivos, escolas de cidadanía implicadas coa súa contorna ou cos problemas do planeta. Interésalle o control de todas as actividades complementarias que se van ofrecer no curso, e tamén das colaboracións con distintas entidades, unha relación de “eventos” que encaixe nunha folla de cálculo concibida desde a vella falacia da “neutralidade escolar”, que evite o contacto coa teimuda e complexa realidade que cae fóra das aulas, pero que tamén condiciona o que pasa no seu interior.
Calquera intento de censurar o fomento do pensamento crítico debe atopar á sociedade en fronte. Así pois, esiximos que o goberno galego abandone calquera intento de imposición dunha “neutralidade” que é, en realidade, censura, retroceso e pretensión de privar ao profesorado do dereito constitucional de liberdade de cátedra. Opoñerémonos firmemente a calquera instrución que restrinxa a liberdade de expresión da comunidade educativa.
A Consellaría abofé que ten asuntos máis urxentes dos que se ocupar.
8 de xullo de 2026