25N contra as violencias, coeducación

A violencia machista contra as mulleres é unha gravísima lacra social que atenta contra a liberdade das persoas e que viola os dereitos humanos. Susténtase nunha desigualdade estrutural patriarcal, que oferta moi desiguais posibilidades a mulleres e homes para acceder a recursos valiosos como o espazo, o tempo, a educación, postos de responsabilidade pública e, en definitiva, o dereito á autonomía na definición dun proxecto de vida persoal e propio.

Os diversos tipos de violencia son un continuum que bebe da desigualdade entre os sexos: violencia física, psicolóxica, sexual, económica… A desigualdade é o caldo de cultivo que permite e incluso tenta xustificar a violencia cara ás mulleres. Por iso é preciso apostar por relacións que non se sosteñan na desigualdade entre os sexos, que permitan transitar desde o maltrato ata o respecto e o bo trato.

A miúdo apélase á escola coma unha garantía na procura da igualdade, tamén neste ámbito. Porén, a escola pode actuar tanto como un espazo de interacción entre as persoas, onde criticamente se fagan visibles as inxustizas e se busque a súa superación, coma un espazo onde as desigualdades se manteñan sen crítica e mesmo se reproduzan.

Son moitas as alarmas que sacoden a sociedade cando se coñecen casos de agresións sexuais protagonizados por menores de idade contra nenas ou cando saen á luz datos crecentes sobre delitos sexuais, os máis silenciados e menos denunciados.

Estes feitos esixen unha mirada máis fonda, que recoñeza a violencia sexual coma un fenómeno moi complexo sobre o que, como sociedade, só estamos dando respostas punitivas unha vez producida. A ausencia dun debate social rigoroso sobre o que a provoca, como se reproduce e que ferramentas debemos empregar para evitar que se produza dan unha medida de que vimos e vivimos aínda nunha sociedade na que segue presente a denominada cultura da violación en múltiples formas: na responsabilización, cando menos parcialmente, das mulleres pola agresión sufrida, na percepción dos agresores como depravados e non como produto dunha sociedade patriarcal, no facer cuestión do testemuño da vítima, na banalización das denominadas violencias sexuais de baixa intensidade, no imaxinario do violador como alguén descoñecido pola vítima…

Desde Nova Escola Galega queremos contribuír ao debate sobre como loitar contra a violencia sexual desde a prevención, especialmente entre nenas e nenos e adolescentes. Antes de chegarmos á evidente necesidade dunha educación sexual nas escolas, cómpre impugnar unha socialización masculina que segue a sustentarse na perda da empatía a través da exposición a múltiples formas de violencia extrema en películas, videoxogos, literatura…

É a violencia na que se educa os varóns desde pequenos e a tolerancia social ante a mesma o “a priori” imprescindible para entendermos a violencia sexual cara ás mulleres. A esta socialización masculina na violencia súmaselle a desigualdade estrutural entre homes e mulleres, que converte en inferior todo o considerado feminino e as propias mulleres. Desde este contexto cómpre interpretar as agresións sexuais como violencia sexualizada e non como unha expresión da sexualidade mediada pola violencia.

Actualmente, unha das ferramentas máis poderosas na educación da violencia sexual cara ás mulleres está a ser a denominada Nova Pornografía, distribuída por internet, accesible gratuitamente, con imaxes de grande calidade técnica e na que se poden observar todo tipo de prácticas sexuais, desde as máis convencionais ata as directamente ilegais. Coa chegada de internet a todos os recunchos da sociedade, temos entre nós non só as primeiras xeracións de “nativos dixitais”, senón tamén ás xa denominadas xeracións “porno-nativas”. Segundo o estudo “Nueva pornografía y cambios en las relaciones interpersonales”, no que se analizan as dimensións e o impacto deste tipo de pornografía entre adolescentes e xente menor de 29 anos de todo o estado, só un 22% manifesta ter recibido unha educación sexual que respondese ás súas dúbidas e intereses. Á pregunta sobre como buscan resposta ás súas dúbidas, o 69% escolle internet: o consumo de pornografía entre adolescentes non está ligado exclusivamente á busca da excitación sexual, senón tamén por curiosidade e para aprender, moitas veces, como satisfacer mellor ás súas parellas.

Así, a única educación sexual que estamos ofrecendo ás novas xeracións é a que ofrece unha pornografía hexemónica que normaliza a idea de que a sexualidade masculina é a protagonista, con formas de dominación simbólica e violencia misóxina como fío condutor dos encontros sexuais. Escenas nas que non hai consentimento nin comunicación ou onde a dor non interrompe a relación; escenas nas que a humillación forma parte da relación, nas que os “non” se converten en “si” grazas á insistencia abusiva; escenas nas que é imposible o consentimento previo por estaren as mulleres drogadas… Presupoñer que a exposición a este tipo de consumo de forma intensiva -ás veces durante anos antes de ter as súas primeiras relacións sexuais- non afectará as súas expectativas ou prácticas sexuais é negar o impacto que teñen na actualidade as imaxes á hora de conformar as subxectividades e identidades.

Hoxe máis ca nunca é necesaria unha educación sexual nas escolas que permita non só reflexionar criticamente sobre o modelo de sexualidade que propón a pornografía hexemónica, senón que tamén aborde todos os aspectos biolóxicos, psicolóxicos, sociais e culturais inter-relacionados nos comportamentos sexuais. Unha educación sexual que favoreza o respecto pola diversidade corporal, de xénero, orientación ou identidade, que eduque no pracer compartido desde o consentimento e a comunicación. Unha educación sexual que de ningunha maneira pode recaer no labor voluntarista do profesorado, senón que debe ser un obxectivo asumido por todo o sistema educativo que involucre as familias, sexólogas e sexólogos e outros axentes sociais.

En NEG vimos ofrecendo algúns recursos con ideas para analizar e debater, e experiencias educativas nas que nos inspiramos. A Revista Galega de Educación vén de publicar este mesmo mes un monográfico sobre esta temática “Educación afectivo-sexual” e segue a ser de actualidade un numero anterior sobre O dereito á coeducación.

Iniciar sesión