Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2012 III Seminario sobre a Memoria: A guerrilla e os campos de concentración 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Memoria da actividade
Inscrición en liña
Boletín de inscrición
Programa

Prensa
La Voz de Galicia
Xornal Galicia
Memoria cautiva
Sermos Galiza
Praza Pública
Xornal Certo
La Voz de Galicia
Xornal Certo
La Voz de Galicia
Barbantia
Que pasa na costa
27 TV
Xornal Certo
Mundo Galiza
Galiza Livre
Botóns, portal galego da educación
Santiago e comarca, 3 de xuño

Conclusións
PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS DO III SEMINARIO SOBRE A MEMORIA “A GUERRILLA E OS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN”
Melide, Rianxo, 1-2-3 de xuño de 2012

1. Valórase a actividade como un interesante exercicio de análise e comprensión dun fenómeno histórico moitas veces descoñecido e, outras, declaradamente ignorado. Non se trata xa só de que fose analizado o fenómeno dos campos de concentración, senón que foi realizado un interesante exercicio humano de comprensión dunha realidade na que, en efecto, o verdadeiro protagonismo recae nas persoas.

2. Constátase a necesidade de que as institucións públicas recoñezan plenamente os feitos relacionados coa represión franquista, pois só desde o recoñecemento oficial é posible lograr a plena igualdade de todos os cidadáns. É evidente que, na actualidade tal recoñecemento non está, nin moito menos, conseguido.

3. A pesar de estar o Seminario principalmente centrado na guerrilla e nos campos de concentración na área xeográfica visitada, enténdese que o fenómeno da resistencia antifranquista debería contemplar tamén a resistencia pasiva ao réxime, que foi enormemente vigorosa e demorada no tempo. Particularmente, améntase o caso da loita contra os encoros (o de Castrelo de Miño, especialmente) ou contra a política forestal franquista.

4. Constátase que a memoria escondida só sae á luz a base de estímulos que a desaletarguen. Estes estímulos só poden chegar, especialmente, a través da creación de espazos de reflexión e análise desa realidade que está agachada. No transcurso do Seminario, por exemplo, unha persoa cuxa familia ten sufrido unha inhumana represión durante anos, confesou que un dos seus xogos de nena consistía en xogar ás torturas, nin máis nin menos. Como se sabe, o xogo adoita reflectir en cada época a realidade do momento.

5. Unha vez contrastadas as virtualidades didácticas que o fenómeno da resistencia ao franquismo e, particularmente, os campos de concentración ofrecen para o traballo de aula, constátase o escaso protagonismo que os deseños curriculares actuais lle reservan a esta cuestión. Enténdese que os programas deberían ser revisados neste sentido.

6. Semella evidente que o franquismo acabou con 150 anos de formación de cadros dirixentes (políticos, sindicais, económicos, educativos…). Este feito resulta aínda na actualidade unha eiva para o desenvolvemento da nosa sociedade e cómpre telo en conta de cara á toma de decisións especialmente no ámbito educativo.

7. Singularmente, constátase que a política franquista, especialmente a educativa, fixo desaparecer a riqueza da linguaxe necesaria para desenvolver o espírito crítico, e esta realidade faise evidente se se observa a escasa consciencia amosada polas novas xeracións sobre o momento económico e social que se vive na actualidade. Durante a transición, e ata os nosos días, deuse tamén un certo proceso de autocensura que levou a agochar contidos desta complexidade, que esixen tamén un coñecemento do que o profesorado en moitas ocasións non dispón. Este coñecemento só nos últimos tempos, e derivado dos resultados de certas investigacións e publicacións, empeza a saír á luz. Intentar superar esta situación é, sen dúbida, un dos retos máis importantes que debe considerar o sistema educativo.

8. Desde a óptica estritamente educativa, igualmente, debúxase como unha liña de traballo interesante aquela que tratase de analizar a represión no ámbito educativo. Igualmente, semella atinado afondar na posibilidade de dar a coñecer experiencias didácticas levadas a cabo nas aulas para a recuperación da memoria histórica local. Desde esta perspectiva, incorporar a información directa recollida das familias do propio alumnado (testemuñas directas, fotografías, textos…) antóllase como unha estratexia didáctica con moitas posibilidades.

9. As asociacións e colectivos que se interesan pola recuperación da memoria histórica teñen centrada a súa atención especialmente en retos de ámbito xurídico (recoñecemento das vítimas, levantamentos de fosas comúns…). Derivar as súas liñas de acción tamén cara ao ámbito educativo sería fundamental, precisamente porque acabaría creándose un fío para que as novas xeracións tivesen acceso ao coñecemento duns feitos moitas veces agachados pola historiografía oficial.

10. Ponse en evidencia tamén, o interese que a recuperación da memoria histórica esperta fóra do Estado. No Seminario estiveron presentes, por exemplo, unha investigadora francesa e outra californiana.

11. O deseño do Seminario, combinando o traballo de campo coa análise de documentos audiovisuais e, finalmente, co saber teórico de especialistas nesta época histórica, valórase como moi intelixente, porque xustamente pretendeu integrar diferentes fontes de información e investigación sobre o tema.


Presentación
Xustificación
A convocatoria do Seminario pretende suxerirlles aos asistentes unha reflexión sobre o fenómeno da guerrilla que posibilite un mellor coñecemento do noso pasado máis recente. Tal pretensión arela provocar tamén que a actualización dos coñecementos sobre os guerrilleiros contribúa, no alumnado indirectamente beneficiario da reflexión, á comprensión do presente e á adopción dunha actitude responsable e solidaria na defensa da liberdade, sen perder nunca a consciencia de cales son os dereitos e as obrigacións de cadaquén.

Obxectivos da actividade
1. Identificar, analizar e explicar, situándoos no tempo e no espazo, os feitos, personaxes, problemas, etapas e procesos máis significativos dos campos de prisioneiros no Barbanza.
2. Distinguir e valorar os trazos permanentes dos procesos de transformación e cambio nos diferentes períodos, analizándoos desde a realidade dos nosos días.
3. Situar este proceso histórico no contexto do Estado.
4. Estudar e analizar diferentes aspectos básicos da evolución histórica de Galicia.
5. Contribuír ao desenvolvemento dunha sensibilidade comprometida, responsable e activa coa democracia e os dereitos humanos.
6. Contribuír á consolidación de actitudes e hábitos de tolerancia e solidariedade entre os diversos pobos do Estado.

Acceso á última edición celebrada

(máis información)

Documentación
PDF do libro "Guerrillero contra Franco, guerrillero contra el olvido", de Francisco Martínez López, Quico
Sitio web de Francisco Martínez López, Quico, ex-guerrilleiro e activista da Memoria
Mesa redonda en Rianxo con Quico, Fernanda Cedrón e Xaquín Yebra 5
Mesa redonda en Rianxo con Quico, Fernanda Cedrón e Xaquín Yebra 4
Mesa redonda en Rianxo con Quico, Fernanda Cedrón e Xaquín Yebra 3
Mesa redonda en Rianxo con Quico, Fernanda Cedrón e Xaquín Yebra 2
Mesa redonda en Rianxo con Quico, Fernanda Cedrón e Xaquín Yebra 1
Libro-Guía do Seminario, de Carlos Cimadevila

Galería fotográfica
Enlace externo  Acceso á galería fotográfica do Seminario

Ficha técnica
Título da actividade:
III Seminario sobre a Memoria: A guerrilla e os campos de concentración

Datas de celebración:
1, 2 e 3 de xuño de 2012.

Lugar de celebración:
Instalacións do IES Melide.
Traballo de campo na Península do Barbanza.

Destinatarios/as:
Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.

Número máximo de participantes:
50, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas:
20 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
(A matrícula inclúe os traslados en autobús e os xantares de campo).

Ata o 27 de maio de 2012
Socios/as de Nova Escola Galega: 30 €.
Parados/as: 40 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 60 €.

Desde o 28 de maio de 2012
Socios/as de Nova Escola Galega: 40 €.
Parados/as: 50 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 70 €.

Forma de pagamento:
Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en NOVAGALICIA BANCO: 2080 – 0300 – 85 – 3040089500

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com