|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
|
 | Presentación |  |
Estamos inmersos nun dilatado contexto socioeducativo de complexidade crecente, definido ás veces por inercias permanentemente reproducidas e problemáticas diversas e mesmo aparentemente irredutibles, que esixen de solucións didácticas tan complexas coma imaxinativas, materializadas en prácticas innovadoras, experiencias estimulantes e materiais educativos renovadores. Un contexto que demanda ás nosas escolas, ós nosos profesionais, e ós nosos centros e comunidades educativas a posta en xogo do seu máximo enxeño e creatividade, do seu máis esixente e comprometido fluxo de enerxía, habelencia e ilusión, a prol da mellora das condicións e calidade da educación, no seu sentido máis amplo e ambicioso. Froito desa fonda convicción e da asunción dun compromiso ineludible por parte dalgúns dos profesionais que configuran o vasto universo da educación, no noso país teñen xurdido nos últimos anos unha serie de experiencias didácticas valiosas, de moi diversa índole e entidade. Trátase dun conxunto de iniciativas –amplamente recoñecidas e premiadas en diferentes certames– que demostran o talento e bo facer de tantos educadores e educadoras galegos/as e que, sen embargo, poden seguir a ser grandes descoñecidas na praxe dos nosos centros. De aí que consideremos preciso darlles voz a aqueles/as que se atreven a rachar coa rutina do cotiá e a afrontar con decisión os desafíos que depara o futuro e presente da educación en Galicia. Conscientes de que, hoxe en día, os educadores e educadoras dos múltiples niveis do ensino precisamos dese pulo necesario e inspirador que nos axude a revisar criticamente as nosas prácticas e a reformular, de ser preciso, o noso propio labor, nace este IV Congreso de Materiais Didácticos, como espazo de reflexión que xorde con vocación difusora e impulsora de espíritos críticos, construtivos e comprometidos co cambio necesario.
COORDINADORES: María Monserrat Castro Rodríguez, Helena Zapico Barbeito, Xesús Rodríguez Rodríguez.
OBXECTIVOS: Impulsar a necesaria difusión de experiencias e materiais didácticos innovadores concibidos, promovidos e implementados nos últimos anos dende moi diversos colectivos de carácter educativo: grupos de investigación, centros educativos, concellos, colexios profesionais, movementos de renovación pedagóxica... dando a coñecer proxectos didácticos de recoñecida valía e calidade –premiados en diferentes certames– e procedentes de múltiples contextos galegos. Reavivar o debate en torno ós calidoscópicos significados e as vastas implicacións que trae consigo o concepto de innovación educativa na actualidade, suscitando a súa análise e rigorosa revisión, dende unha perspectiva crítica e realista, afincada no fértil terreo da práctica reflexiva. Erixirse en espazo e oportunidade de encontro heteroxéneo para tódolos profesionais dos diferentes niveis do ensino e de tódalas posibles procedencias, contextos e eidos de especialización e intervención, tomando como punto de partida a análise dunha escolma de experiencias educativas relevantes e significativas. Constituírse en fonte de reflexión e mesmo inspiración para os profesionais da educación no noso país, promovendo a creación autónoma de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás idiosincrásicas necesidades contextuais de cada contorno comunitario específico.
|
|
|
|
 | Ficha técnica |  |
Destinatarios/as: Profesorado dos diferentes niveis do ensino (infantil, primaria, secundaria) e parados/as. Inscrición: Ata o 28 de outubro: 80€ (50€ parados/as e 40€ membros de NEG.) Do 28 de outubro ao 3 de novembro: 90€ (60€ parados/as e 50€ membros de NEG.) Deberase acreditar, no seu caso, a condición de parados/as ou membros de NEG.) Pagamento: Ingresar na conta en CAIXA GALICIA: 2091-0300-45-3040089500 Para formalizar a inscrición, enviarase cuberto o formulario de inscrición que se encontra no web (www.nova-escola-galega.org), xunto coa copia do ingreso bancario (no que figuren nome, apelidos e DNI), ó enderezo sinalado a continuación: NOVA ESCOLA GALEGA San Clemente, 18-baixo, 15.703 - Santiago de Compostela. Tamén se pode facer o envío por corre electrónico (neg@mundo-r.com) Prazas: 60 (seleccionaranse segundo a orde de incrición). É posible solicitar axuda económica para a asistencia a esta actividade de formación segundo a Orde do 8 de xaneiro do 2010 (DOG do 11 de febreiro)
|
|
|
|